Tuesday 14 de May de 2024

Fene completa o reparto de 500 máscaras do envío estatal


A agrupación local de Protección Civil de Fene e maila Garda Civil levaron a cabo entre onte e máis hoxe o reparto das máscaras enviadas polo Estado para atender os desprazamentos laborais no primeiro día de actividade tralo período de permiso retribuído e recuperable. A distribución fíxose entre as 7.30 e as 9 da mañá en puntos de entrega situados nas principais vías de comunicación e no acceso ao polígono Vilar do Colo. Alén deste material dun só uso, o Concello leva varios días entregando nas farmacias remesas de cubrebocas de tea lavable doadas por particulares e entidades. Foron un total de 400 -incluída unha pequena partida para os taxistas- e, de cara á semana que vén, chegarán outras 500 gracias á colaboración da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Esta nova partida e as que sigan chegando do tecido social fenés permitirán ampliar a distribución tamén ás panadarías para a súa entrega gratuíta.

A solidariedade e o esforzo veciñal está sendo un dos puntais para subministrar equipamento de protección que nestes momentos segue sendo moi escaso. O Concello dedica aos servizos esenciais o material que chega a cada pouco nos envíos do SERGAS, composto por pequenos lotes de máscaras, luvas, batas, buzos e produtos de hixiene e desinfección cos que se van cubrindo as necesidades do SAF, da recollida do lixo, do persoal de obras e servizos e tamén da Policía Local e Protección Civil. Ademais, o colectivo Makers Ferrolterra tamén entregou medio cento de pantallas plásticas que están sendo utilizadas pola policía, o Servizo de Axuda no Fogar e outro persoal municipal.

En paralelo, e practicamente desde o inicio da crise sanitaria, foron varias as persoas e entidades do municipio que se dirixiron ao Concello para ofrecerlle cubrebocas reutilizables cosidos con tea lavable. A medida que foron chegando estes lotes solidarios, desde a administración local optouse por facilitarlles aos taxistas unha pequena parte e por facer un reparto equitativo entre as farmacias locais, co obxectivo en ambos casos de facer un reparto individual e gratuíto entre as persoas usuarias até esgotar as existencias.

Xa van distribuídas 400 destas máscaras, que non están homologadas e que, polo tanto, non ofrecen ningunha garantía de protección ante un posible contaxio, se ben si parecen ser unha barreira efectiva para evitar que persoas infectadas asintomáticas propaguen o virus. Agárdase que a comezos da semana que vén cheguen a Fene 500 máscaras máis doadas pola SOGAPS, a asociación de axuda ao pobo Saharauí, quen está fabricando lotes de cubrebocas e batas lavables tanto para o persoal sanitario como para os concellos. Este lote permitirá ampliar a distribución tamén ás panadarías locais.

Recomendacións sobre o uso de cubrebocas caseiros
Desde o Concello insístese en que as máscaras de tea que se están fabricando de maneira artesanal non teñen a consideración de equipo de protección. Un informe do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no traballo indica que os cubrebocas “protexen menos que as mascarillas cirúrxicas e incluso poden aumentar o risco de infección debido á humidade, á difusión de líquidos e a retención do virus”.

Ademais, levar estas máscaras pode traer aparellada unha falsa sensación de seguridade que nos faga relaxar outras medidas que si son fundamentais, como por exemplo lavar as mans con frecuencia e evitar tocar os ollos ou a boca, algo que pode ocorrer con frecuencia para axustar unha máscara que non cinga ben os orificios respiratorios.

En calquera caso, sexan máscaras caseiras ou homologadas, antes de poñelas ou quitalas hai que lavar ou desinfectar ben as mans. Tamén é imprescindible que vaian ben axustadas á cara e non se deben tocar a menos que sexa imprescindible e sempre coas mans limpas, que logo se deben lavar ben de novo. No caso de que sexan de tea lavable é importante facelo en auga quente a máis de 60º.

Reparto de máscaras para desprazamentos
Este luns finalizou o período de permiso retribuído e recuperable que mantivo en suspenso a actividade de moitas empresas desde hai dúas semanas. O Estado promoveu a entrega de máscaras de un só uso en estacións de metro, tren e outros transportes públicos de cara a evitar no posible os contaxios nos desprazamentos colectivos. Unha medida orientada principalmente a grandes cidades onde ese tipo de medios de transporte son utilizados de forma masiva para ir e vir do traballo. De feito, as máscaras que se están entregando son dun só uso e serven unicamente para evitar a proxección de partículas. Non son válidas como medida de protección nin tampouco están pensadas para unha utilización prolongada.

Porén, tanto Fene como o resto de municipios galegos -incluídos os do rural- tamén recibiron 500 máscaras deste tipo, que foron distribuídas entre onte e hoxe pola agrupación local de Protección Civil e pola Garda Civil. Os puntos de entrega situáronse entre as 7.30 e as 9.00h. na Estrada da Palma, no cruce de Fene, nas Pías e tamén no acceso ao Vilar do Colo.